DONA ISABELITA



A dona Isabelita vive nunha casa descoidada e sucia ás aforas da aldea. As malas linguas din que cando era nova ía casar cun señorito pero este deixouna “plantada” no altar. Dise tamén, que dende entón, non é a mesma.
A pobre muller, agora ata pensa que ten unha filla, supoño que pola dor que lle produce pensar que estará soa o resto da súa vida. Fala con ela, lévaa de paseo, cómpralle roupiña, faille a comida e baila con ela na festa do San Antón.
Aínda foi a dona o outro día ao cuartel falar cos gardas porque seica se lle escapara a rapaza. Os gardas non sabían como dicirlle que non había rapaza, menos mal que apareceu milagrosamente ao día seguinte. Hai xa tempo, tamén intentara matricular a rapaza na escola e ingresala na residencia porque seica estaba moi maliña.
Pobre Isabelita, que se rin dela aló onde vaia.
Pobre Isabelita, que non ten quen a queira.
Pobre Isabelita, que ninguén a comprende.



Comentarios